– A compostaxe avanza na Illa

– Unha ducia de establecementos da Illa de Arousa xa compostan os seus bio-residuos

– Importante impulso á compostaxe con persoal, material, maquinaria e novos Centros de Compostaxe Comunitarios

Na Illa de Arousa cada vez son máis os establecementos hosteleiros que se suman a compostar in situ os seus bio-residuos. Entre eles hai tanto chiringos das praias como hostais e restaurantes, afianzando o seu compromiso co medio ambiente practicando unha xestión racional dos residuos que xeran. Para facelo posíbel, o Concello prové de composteiros e demais material necesario, así como ofrece seguimento do proceso e asistencia técnica. Con esta boa práctica, iniciada xa no verán pasado, preténdese que cada vez sexa menor a cantidade de residuos orgánicos nos contedores da fracción “Resto”, enviada a incinerar a SOGAMA, co correspondente aforro económico e a diminución das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro á atmosfera, ademáis de reducir os cheiros dos contedores.

Apertura de novos centros de compostaxe comunitaria

O Concello ademáis ten previsto instalar na illa varios novos centros de compostaxe comunitaria, seguindo a liña marcada polo xa existente no Naval, onde nos 4 anos que leva en activo, xestionáronse felizmente máis de 60 toneladas de residuos orgánicos, aportados polos usuarios do vecindario, e levando como resultado unhas 20 toneladas de compost, un fertilizante ecolóxico de primeira calidade.

O funcionamento destes centros seguirá o modelo instaurado dentro do Plan Revitaliza, impulsado pola Deputación de Pontevedra, que contribúe a financiar a adquisición de material e maquinaria necesarios, entre eles, os diferentes módulos de compostaxe e unha nova trituradora para os restos de poda coa que asegurar a provisión de material estruturante, esencial para o bo decorrer do proceso. Ademais, preténdese dar un novo pulo á compostaxe entre a veciñanza sumando novos composteiros individuais aos máis de 500 que hoxe funcionan no municipio, como parte do aplaudido sistema da Illa de Arousa, implementado dende o ano 1998 cun proxecto Life de Europa.

Nova dotación de persoal

De forma paralela ás inversións en material, o Concello tamén realizou un esforzo en contratación de persoal en colaboración ca Deputación de Pontevedra, contando dende maio cun novo técnico en compostaxe. Este xúntase á Mestra Composteira que dende o 2018 sostén o proxecto no municipio, tanto no desenvolvemento das novas intervencións e seguimento dos centros, como no fortalecemento das actividades realizadas polo Departamento de Medio Ambiente.

Fomento da reciclaxe na hostalería

Por outra banda, o concello ven de asinar un convenio con Ecoembes dirixido a potenciar a correcta separación dos envases lixeiros nos establecementos do sector hostaleiro (HORECA: Hostalería, Restauración e Catering). A campaña consiste nunha formación en materia de recollida selectiva, entrega dos materiais necesarios (cubos, contenerización, dípticos, etc) e un seguimento do proxecto nos locais da Arousa que se sumen á iniciativa.

Está previsto, ademais, implementar a medio prazo un sistema de recollida porta a porta para os bio-residuos xerados por produtores singulares, sinaladamente os da hostalería, sempre que non sexa posíbel xestionar in situ, sen transporte, os seus bio-residuos.

Con estas actuacións, o municipio arousán —xa pioneiro no seu día ca implantación da compostaxe— aspira a converterse en referente na xestión dos seus resíduos, acadando así os obxectivos que se marcan dende a Unión Europea que obrigan a recoller selectivamente os bio-residuos en 2023 e a reciclar o 55% dos residuos municipais en 2025.