“Afronto o cargo sen medo, porque isto non me colle de novo: Xa estou curado de espanto”

Juan José Rial Millán leva apenas unha semana como patrón maior de A Illa, pero media vida na Confraría. Con 22 anos xa estaba no Cabildo como mariñeiro, logo como armador e en parte do mandato anterior xa se desenvolveu como vicepatrón. Inicia o mandato con ideas claras e proxectos concretos, pero coa incerteza que segue a xerar a economía.

patronmaiordailla

-Como decide dar o paso adiante para optar a patrón maior?
Eu quería tomar a dianteira, poñer a cara para levar a cabo as ideas que tiña pensadas para, xunto ás da Xunta Xeral, que é o principal, mirar de chegar a bo porto coa Confraría.

-Máis ilusión ca medo, entón?
Medo non, porque estou curado de espanto de todas as situacións… Xa pasei varias por aquí e sei máis ou menos o que hai. Non me colle de novo.

-Moito traballo nesta primeira semana no cargo?
De momento estamos a organizar a Confraría: Poñéndonos ao día das contas, de como está a situación real do Pósito e mirando de poñer as cousas á nosa maneira.

-E cal é o asunto ou proxecto prioritario neste momento?
O principal é erradicar o furtivismo. Estanos a atacar por mar e por terra e perxudícanos moito no marisco que imos recoller. Porque un furtivo colle tanto o grande como o pequeno, non fai distincións.

-Como se podería combater?
Á parte dos vixiantes que xa temos, na Xunta Xeral decidimos reforzala con armadores e mariñeiros. Agora aínda ten que ir a asemblea pero a idea é dar un apoio á vixilancia de noite, cun par de homes, un por terra e outro por mar, tras estudar a situación legal deste persoal.

-A imaxe que pode haber de que os problemas máis duros do furtivismo están no lado norte da Ría. É correcta?
Penso que o furtivismo é algo xeral. Perxudícanos a todos. Neste ano aquí temos zonas que nos deixaron verdadeiramente esquilmadas.

-Entrando en máis retos e proxectos, o rescate da hatchery supoño será outro dos obxectivos.
Si, estamos a retomalo. Por agora están arranxándoa, porque houbo moitos destrozos. Despois, en principio hai algo falado xa para poñela a funcionar e a Consellería tamén estaría implicada. A maiores, estamos a ver se podemos levar a cabo unha área de preengorde para o marisco que saquemos do criadoiro.

-Para mellorar o rendemento?
Claro. É que a área de preengorde é o que, ao final, vai dar máis beneficio. Hoxe en día estas infraestruturas están a triunfar máis que as hatcherys ou criadoiros: Podes chegar a triplicar a produción que collas.

-E cómo é posible?
Podes mercar o marisco no tope máis pequeno que haxa en hatchery, que é máis barato. É certo que pode ter máis mortandade canto máis pequeno sexa, pero tamén hai máis marxe de beneficio e aí entra o tema do preengorde. Haino que ir vendo.  Incluso se non logramos montar esa área de preengorde, poderiamos recurrir a empresas que fan ese traballo.

-O porto do Xufre imaxino que será outra fronte de traballo, para tentar rematar a ampliación.
Si. O dique xa está aí. Hai un proxecto de ordenación, de onde van estar os barcos por lista, pero de principio aínda non se lle deu solución. Esperamos que lla dean.

-E que tal viu o funcionamento do novo dique flotante neste primeiro inverno?
O dique vino ben. Pero creo que cando hai que ver se traballa ou non fronte ao mal tempo é cando recibamos un temporal verdadeiramente forte, porque este inverno foi duro, pero non houbo moito noroeste, que é o vento que nos perxudica máis.

-Que outras infraestruturas precisaría o sector en A Illa?
Será un tema moi difícil pola situación económica, pero se puideramos, algo que temos pendente é poder facer unha lonxa nova. Alí xuntariamos as oficinas propias da rula e as da Confraría, para ter todo unificado. Despois, almacéns e tamén nos interesaría moito unha zona de estabulación.

-Que se faría nela?
Sería un espazo para que os mariñeiros puideran gardar o seu marisco de xeito seguro e con vixilancia: Centolas, nécoras, camaróns… Porque agora todo iso téñeno que ter fondeado.

-Pensan nalgún espazo para ese proxecto de nova rula?
É que a lonxa actual coido que está moi mal situada, á saída do vial portuario. De momento non hai ubicación, podería ser no Aguiúncho, pero é un tema que hai que falar con Portos.

-Outra das preocupacións é a preservación, tanto patrimonial como marisqueira de O Areoso. Hai avances?
Esta semana tivemos unha reunión en Santiago, con Xunta e Concello. Alí dixemos propostas para que o illote estea regulado en visitas e embarcacións. É que é unha desfeita: Non hai control por parte de ninguén. Os bañistas acampan sobre as dunas, saltan as vallas e desfán todo, malia que alí hai restos arqueolóxicos. Xa hai boias para delimitar os fondeos das embarcacións, pero para o ano que ven vaise restrinxir máis o acceso, chegando en zonas aos 250 metros para protexer os fondos. Porque o removelos cos barcos afecta ao desove do marisco e iso perxudica á Confraría.

-Unha das polémicas nos últimos anos foi o tema do truel e o mexillón: De difícil encaixe.
Eu teño falado con Juan Maneiro (secretario xeral do Mar) e teño sobre isto unha reunión pendiente en setembro ou outubro. A ver se somos capaces de xuntar ás agrupacións do norte e do sur para falar entre todos e levar propostas para poder traballar sen problemas, sen que eles teñan prexuizos e os nosos mariñeiros poidan traballar tranquilamente. Iso e o que imos tentar: Conciliar os dous sectores e que todo o mundo poida vivir do mar, que penso que é o lóxico.

-Nestas eleccións nas confrarías houbo bastantes cambios na Ría. Como entende vostede estes resultados?
Bueno. Os cambios que houbo foron porque así o decidiron os mariñeiros. A min tocoume saír aquí por un voto máis na Xunta Xeral, non sei se por sorte ou por que. Os que están é porque os votaron e porque son, supostamente, bos.

-Hai unhas semanas a Xunta declarou de Interese Turístico Galego a Festa do Mexillón de Vilanova. As gastronómicas de A Illa tamén teñen tradición, non? Haberá que tirar algo para a casa.
Eu penso que si, haberá que mirar. Meréceno, porque empezamos con isto antes que Vilanova. Así que haberá que buscar unha solución para que estén no mesmo dereito.