A COMUNIDADE TRANSFORMANDO RESIDUOS EN COMPOST

O Concello da Illa de Arousa convoca á veciñanza a vindeira semana con motivo de informar sobre a instalación dos novos centros de compostaxe comunitaria nos diferentes barrios do municipio, dentro do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra, ao que está adherido dende o ano 2016. Estes novos centros, que se instalarán nos vindeiros meses, sumaranse ao xa instalado no Naval dende hai catro anos, que actualmente da servizo a máis de 80 usuarios/as.

Con este modelo, os residuos orgánicos, ou bioresiduos, trátanse alí onde son xerados, de xeito que, en lugar de ir a un vertedoiro ou ser incinerados, transfórmanse de forma natural en compost, un fertilizante ecolóxico de máxima calidade. O Concello anima á poboación a participar nesta iniciativa, demostrando unha vez máis o compromiso dos arousáns co medio ambiente, e aspirando a converterse nun dos poucos concellos a nivel estatal e internacional que cumpra cos obxectivos de reciclaxe marcados pola Unión Europea, que obriga a reciclar o 50 % dos residuos municipais para finais de 2020 e a recoller separadamente ou compostar en orixe os bioresiduos antes de finais do 2023.

As reunións informativas terán lugar ó longo da próxima semana nas zonas das Laxes, Cabodeiro e Salgueiral (luns, martes e mércores, respectivamente, ás 12h) e O Monte (mércores ás 17.30h) . Haberá unha carpa en caso de choiva e reparto de compost e agasallos. Prégase ós/ás asistentes o uso da máscara e respectar a distancia de seguridade.