Os restos máis antigos que proban a existencia de habitantes na Illa de Arousa, remóntanse á Era Prehistórica. Pero á espera de novas investigacións, a historia de A Illa comézase a relatar na época do emperador romano Octavio Augusto (27 a.C.-14 d.C.). a presenza romana queda demostrada polos vestixios dun asentamento en Punta Cabalo, onde se practicou, xa daquela, o salgado e o sochado de peixe.
En tempos de Domiciano (81-96 d.C.) existiu unha Necrópole no Campo dos Bufos e unha vila romana preto de Nasos, emprazamentos que teñen pendente unha investigación arqueolóxica.
A situación xeográfica e as características intrínsecas dunha illa, fixeron posible que este lugar quedara á marxe dos acontecementos máis relevantes da Baixa Idade Media. Aquí a vida transcurría paralela e axena a feitos que cambiaban o resto do mundo. Unha historia de A Illa ten forzosamente un fío conductor, que é a búsqueda da súa identidade, a loita por elevar as diferenzas á categoría de virtudes própias do ser insular. O primeiro acontecemento determinante neste senso ten lugar no século VII, cando San Fructuoso manda construir na Illa un mosteiro adicado a San Xulián.
As relacións coa igrexa veñen de antigo, dende que o bispo Consencio a inclúe na diócese iriense. O rei Alfonso II, no 835, doa esta Illa, xunto coas illas de Ons, Sálvora, Framio e Sinales, ós vixiantes da tumba do Apóstolo Santiago. Neste século prodúcense as invasións vikingas; este pobo apreciou as características estratéxicas da Ría de Arousa. Así, no século X, o rei vikingo Gunderedo toma as illas de Arousa e Cortegada como bases do seus desembarcos, pouco despois de que Ordoño II, rei de Galicia, doase a metade da Illa ó mosteiro de San Martín Pinario. Os vikingos foron expulsados (970) pero deixaron para sempre parte da súa cultura no pobo arousán, como o demostra a presenza da dorna, a embarcación tradicional indisociable da forma de vida insular.
O medo a posibles invasións fixo que se quixera reforzar a vixianza das costas galegas, e así, o bispo Cresconio decide a construción de torres en Catoira, Lobeira, Lantaño, San Sadorniño, A Lanzada e Arousa (1037-1066). Esta última alzábase no actual barrio da Torre e ofrecía a vista a toda a Ría.
A Illa tivo o seu lugar en outras datas históricas: en 1248, barcos feitos e tripulados por arousáns participan no cerco de Sevilla para loitar contra os sarracenos. A partir de 1311, por orde de Fernando IV, os de Arousa encargábanse de proveer de aceite a lámpada da Catedral de Compostela.
A toma de Constantinopla polos turcos en 1453, marca convencionalmente o final da Idade Media en Europa. Un cambio desas dimensións levado á historia da Illa atopámolo en 1548, cando se produce o reparto da súa terra en trece foros; son os chamados “trece veciños”, e a partir de aquí prodúcese un cambio trascendental que significou a aparición da idea de independencia territorial. A poboación non deixará de medrar e de evolucionar dende unha economía agrícola, ata facer da pesca a actividade xeneralizada. No século XVIII a pesca era a actividade principal. Na década dos 70 produciuse un fenómeno que afectará directamente á Illa: a chegada de cataláns ás Rías Baixas que convertiron varias vilas mariñeiras en núcleos pre-industriais. As técnicas autóctonas de pesca non eran o suficientemente produtivas para as pretensións dos inmigrantes cataláns. Así, os “fomentadores” declararon a guerra á sardiña cunha arte de pesca descoñecida ata entón na Ría: en 1775 había dúas “xávegas” na Illa de Arousa. Pero a industrialización do lugar chegou realmente en 1843, cando Juan Goday Güal instala a que foi a primeira fábrica de conserva de peixe de Galicia, nomeada proveedora da Casa Real en 1881. Ó longo de tres xeracións, os Goday mantiveron en pé unha empresa na que traballaron centos de illáns, converténdose en parte do seu patrimonio histórico. A Illa chegou a contar con once fábricas que explotaron durante anos os produtos máis demandados do seu mar.
O século XX está marcado por logros importantes no terreo social, polo esforzo que fixeron os seus habitantes para conseguir melloras nas comunicacións, a dificultade que supuxo a chegada da luz eléctrica, o teléfono e, sobre todo, a consecución da ponte que une A Illa de Arousa con Vilanova, e a súa inauguración en setembro de 1985. Así como a consecución da autonomía como concello o 1 de xaneiro de 1997.