Festas

Son innumerables as festas tanto de carácter relixioso, pagano, tradicional ou gastronómico que se celebran neste pequeno municipio que, sobre todo no verán, multiplica por tres a súa poboación.

FESTAS DO PATRÓN. (7 e 8 de Xaneiro)

No mes de Xaneiro ten lugar a festa na honra do patrón do lugar, San Xulián, coa celebración o día 7 de xaneiro dunha misa seguida de procesión. É tradición que este día, os veciños, engalanados con traxe e garabata, saian en grupos pola mañán a percorrer A Illa até altas horas da madrugada.

ANTROIDO.

Festa de grande importancia para a xente deste municipio, toda a súa poboación participa na creación de atrevidos disfraces e orixinais carrozas, que lucirán dende o sábado até o martes de Antroido, continuando o Mércores de Cinza coa queima do antroido, o sábado de Piñata co desfile de carrozas e o domingo co festival de Comparsas.
O luns de Antroido é o máis destacado, xa que soe xuntarse moita xente dos arredores para participar nestes festexos até altas horas da madrugada.

FESTAS DO VERÁN.

Durante o verán, na segunda quincena de xullo teñen lugar diferentes festividades na honra a distintos santos coas súas correspondentes misas e procesións, xogos, música e verbena pola noite, sendo o día forte o sábado, festividade dedicada á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros coa procesión marítimo-terrestre tradicional que se leva facendo desde 1948. Esta procesión comeza coa saída da Virxe desde a Igrexa Parroquial ata o Porto de O Xufre, onde se celebra unha misa solemne na súa honra, segue co embarque da Virxe para a procesión ata o Porto da Ribeira do Chazo, regresando a imaxe á igrexa recibindo a despedida dos mariñeiros co canto da Salve. Xa pola noite, a Comisión despídese cunha verbena e rolda de fogos.

Outra das festividades de gran interese é o adicado a San Ramón Nonato, patrono das embarazadas e os novos nacementos. Despois da misa e procesión, súbese ó Campo da Bouza para comer e festexar todos xuntos este día nunha grande romería.

FESTAS GASTRONÓMICAS.

– Festa Gastronómica da Navalla.

Esta festa ten lugar en Xullo no Paseo Marítimo do Xufre, tendo como produto estrela a navalla.

– Festa Gastronómica en Exaltación ó Mexilón.

Esta festa ten lugar no Paseo Marítimo de O Xufre a segunda fin de semana de Agosto. Instálanse ó longo do paseo diferentes stands para degustar este produto nas súas diferentes e variadas formas de preparación. O último día desta festividade realízase un concurso de pratos tendo como produto estrela o mexilón valorando a presentación e degustación dos mesmos.

– Festa Gastronómica dos Produtos do Mar.

Durante diferentes fins de semana de Agosto ten lugar esta festa no Paseo Marítimo de O Xufre, no que se poden degustar diferentes produtos do mar típicos deste municipio, como poden ser as ameixas, os camaróns, os berberechos, os mexilóns, o polbo, as sardiñas,… ó natural ou nos seus diferentes cociñados.

– Festa Gastronómica da Ameixa Roxa.

No Paseo Marítimo do Xufre en unha das fins de semana de Agosto tamén ten lugar a celebración desta festa en exaltación á ameixa roxa, un dos bivalvos típicos do municipio nas súas diferentes elaboracións.

– Festa Gastronómica do Polbo.

A primeira fin de semana de Setembro e no Paseo do Xufre é protagonista, nesta ocasión, o polbo. Este cefalópodo que pode ser degustado nas súas diferentes denominacións: á feira, con patacas, Á Illa…

           festa da navalla                 festa gastronomica              FESTA DO PULPO SEPTIEMBRE