O Xoves 11 de setembro concentración de embarcacións tradicionais promovida polo Grupo Pandulleiros.
A saída será desde a praia do Bao ás 16:30 horas
Manifesto:
Salvemos O Areoso, salvemos parte da historia da Arousa e de Galicia.
Ghidoiro Areoso, coñecido popularmente coma O Areoso, é un illote arousán de extrema fraxilidade por estar formado fundamentalmente de area, cunha duna activa na banda do norte e unha duna vexetada con afloramentos graníticos na banda do sur. No Areoso están catalogados cinco monumentos megalíticos funerarios, dos que dous saíron á luz cos últimos temporais, que tamén fixeron aflorar en diversas zonas da praia o paleosolo (sustrato fosilizado) que agora está á intemperie.
As cinco mámoas do neolítico e un asentamento de comezos da Idade do Bronce con cistas funerarias da época, xunto con restos de cerámica, ósos de animais e cunchas de comida froito das escavacións que se fixeron a finais da década de 1980 ou que a acción do mar foi desenterrando estes anos, constitúen unha parte moi importante da prehistoria da Arousa e de Galicia, de cando posiblemente o illote do Areoso estaba unido á illa da Arousa, daquela seguramente unha península antes de subir o nivel do mar que inundou o val do río Ulla.
As mareas e os temporais son un perigo para a riqueza arqueolóxica do Areoso, para a fraxilidade das dunas e do paleosolo, como tamén o son os numerosos visitantes que sen control ningún se achegan ó illote, que poden espoliar restos arqueolóxicos que o mar deixa ó descuberto e que moitas veces non respectan as barreiras de protección das dunas polo que se dana a flora que as suxeita, o que pode provocar que axiña acaben desaparecendo.
Así mesmo son un perigo os moitos barcos a motor que no verán fondean preto das praias e que afectan os bancos marisqueiros das augas do illote.
Esta situación esixe unha estratexia urxente para conservar a riqueza ambiental, arqueolóxica e marisqueira do Areoso, tal como levan reclamando desde hai anos o Concello da Illa da Arousa, o seu Pósito e o colectivo Pandulleiros, creado para rescatar e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial da Illa e dos illotes do arquipélago dos Ghidoiros e para denunciar o desleixo das administracións por recuperaren o patrimonio arqueolóxico dese concello arousán.
Coa finalidade de evitar a degradación actual, Pandulleiros propón que se adopten, entre outras, as seguintes medidas:
1. Regulación urxente xa de accesos e visitas o Areoso e aplicación efectiva da lexislación vixente e actuación por parte das administracións e autoridades pertinentes ante a actividade ilícita da acampada libre; para que o illote descanse das agresións humanas, que están a acelerar o proceso de erosión dun ecosistema tan sensible, e deste xeito poder preservar a duna que salvagarda os restos arqueolóxicos e o paleosolo; posteriormente, deberá artellarse un programa de visitas que evite a actual masificación incontrolada de turistas e curiosos.
2. Aprobación polo Consello da Cultura Galega do informe sobre a situación do Areoso, despois de que os responsables das súas seccións de Patrimonio e de Ciencia visitaran O Areoso o pasado mes de xuño; e á vista dese informe e dos que o CSIC, a Deputación de Pontevedra e outros organismos redactaron (ou están a redactar) sobre o estado das mámoas e o imparable proceso de erosión do paleosolo, deben fixarse prioridades de actuación ambiental e arqueolóxica a cargo da Consellería de Medio Ambiente e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Servizo Provincial de Costas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
3. Transferencia ó Concello da Illa da Arousa de máis competencias sobre a protección do Areoso, pois ata agora foi o único organismo administrativo que se preocupou realmente da súa salvagarda.
4. Colocación de boias en todo o areal do illote como medida de protección despois de que o Pósito da Illa realizou un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros con moita semente de ameixa, á vez que sirva de protección doutros mariscos que tradicionalmente se extraen deses bancos.
Pandulleiros fai un chamamento ás embarcacións tradicionais do litoral galego para que o xoves 11 de setembro as 16:30 horas se acheguen A Illa de Arousa, e dende as instalacións da escola e vela tradicional (no bao) sair cara ó Areoso,
para esixir que os organismos competentes adopten con urxencia medidas como as citadas e outras que consideren pertinentes para salvar un paraíso natural no medio do mar da Arousa con cuncheiros, mámoas e un paleosolo que gardan unha parte importante da memoria da xente da Arousa e de todos os galegos e galegas.
Pandulleiros arela que concellos, pósitos e outros organismos públicos e privados, así como asociacións culturais e persoas individualmente manifesten a súa adhesión pública a este manifesto para entre todos contribuírmos á salvación do Areoso para que tamén poidan gozar del as xeracións vindeiras.
A Illa da Arousa, Setembro do 2014
Pablo Iglesias Señoráns, voceiro PANDULLEIROS