Queridas amigas e amigos:
A posta en marcha da web www.ailladearousa.es supón unha nova canle de comunicación cos veciños e veciñas do municipio da Illa de Arousa.
Coa certeza de que as novas tecnoloxías representan un medio fundamental para o desenvolvemento cultural da sociedade na que vivimos, e que a súa utilización pon ó noso alcance un universo de posibilidades para achegar o Concello ós cidadáns, é o meu desexo que o noso sitio web serva para dar un pulo á sociedade da información no Concello de A Illa de Arousa.
O maior uso que cada vez terá este sitio web, amósanos a necesidade de seguir actualizando e dotando de contidos e servizos esta páxina do Concello co obxecto primordial de ofrecerlles aos nosos veciños e veciñas todas as facilidades posibles para os seus trámites administrativos e para a mellor información de todo o que acontece no noso Concello.
O complemento desta páxina coa xa existente de www.ailladearousa.es/turismo fai que as persoas que nos visitan teñan a oportunidade de preparar a súa estancia no Concello con todo detalle, desde os seus lugares de orixe e coa certeza de atopar nela os contidos precisos para organizar a súa viaxe, sendo posible, incluso, descargar os folletos turísticos e a guía de rúas desde a mesma páxina.
Queremos recibir as vosas propostas e suxerencias, e fomentar unha maior participación dos veciños e veciñas.
Seguiremos traballando co propósito de facer realmente efectivas as páxinas web do Concello de A Illa de Arousa e deste xeito cumprir co principio de accesibilidade á información municipal e á tramitación administrativa en liña que se veñen demandando nos últimos tempos.
Neste senso, ofrézolles o meu enderezo electrónico aos veciños e veciñas de a Illa de Arousa que precisen poñerse en contacto coa Alcaldía por este medio: alcaldia@ailladearousa.es
Recibide un cordial saúdo.
Carlos Iglesias Cores
Alcalde de A Illa de Arousa